шаблоны joomla

Consultas online

Duvidas sobre algún tema en concreto? Cubrindo este formulario darémoste resposta de maneira direita e axeitada ao teu caso particular.
Ir ao formulario de consultas

Convenios en Vigor

Desde aquí podes baixarte os convenios que están actualmente en vigor en todas as empresas da Corporación Voz de Galicia. Tanto os de empresa como os sectoriais.

CIG VOZ-INFORMA: Plan de Igualdade

on 09 Xullo 2014.

O pasado 25 de xuño o Sindicato de Xornalistas de Galicia, CCOO e UGT asinaron o texto do Plan de Igualdade de Oportunidades para La Voz de Galicia, un documento que non contou coa aprobación da CIG, a pesares de participar activamente achegando propostas desde setembro do ano 2009.

Xa que non imos dispoñer do Plan que entendemos que merecen as traballadoras e os traballadores de La Voz de Galicia, imos achegarvos información sobre o proceso de negociación, o contido das medidas aprobadas e, ao tempo, repasar os vosos dereitos na materia.

1º. En setembro de 2009 achégasenos un informe que contén unha serie de datos sobre a política de recursos humanos (estrutura organizativa da empresa, selección, formación, promoción, salarios, comunicación, conciliación da vida familiar e laboral e riscos laborais). Nós solicitamos poder participar na elaboración dos datos, solicitando máis información sobre a política retributiva (salarios e pluses de todo o cadro de persoal), o acceso á empresa e criterios obxectivos das promocións, sobre os permisos solicitados e denegados relacionados coa conciliación, medidas dirixidas a garantir a protección das traballadoras embarazadas e en período de lactación, etc.) e por tanto pedíamos que se corrixiran varias eivas detectadas no informe, retomando desde o inicio o proceso de negociación.

Xa é de lamentar que para elaborar a diagnose, non se contara coa representación sindical nin co cadro de persoal, xa que a empresa proporcionou os datos que estimou pertinentes á consultora que o elaborou. Unha mala diagnose deforma todo o resto do proxecto, dando a falsa impresión de que na empresa non hai tanto que arranxar.

Se non se fai unha boa análise, se non existe autocrítica, se non se atende ás discriminacións que incluso quedaron explicitadas nas enquisas realizadas as traballadoras, se non se toman medidas concretas e avaliables cun calendario serio de implantación, nós temos que chegar por forza á conclusión de que La Voz de Galicia elabora un Plan de Igualdade porque ten a obriga legal de facelo, pero sen ningunha concienciación real ou intención de mellora.

2º. En outubro de 2012 se nos achega o mesmo informe, engadindo que “se manteñen as consideracións efectuadas na diagnose inicial, facendo fincapé en que no vixente convenio colectivo 2012-2014 se recolle expresamente a Disposición Adicional Cuarta que Ambas partes comprométense a constituír no prazo máximo de 6 meses, unha Comisión, ao obxecto de negociar medidas dirixidas a promover a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes no ámbito laboral, así como para redactar un protocolo de acoso”.

É dicir, paralizan a negociación do plan sen achegar ningún tipo de explicación ao respecto, cando debera terse adoptado no ano 2007 (dado a obrigatoriedade para as empresas de máis de 250 traballadoras e traballadores), e a retoman no ano 2012, dado que se pactou no convenio.

As únicas modificacións que lle fan ao informe consisten en eliminar algúns dos datos relativos ao cadro de persoal, indicando o número de mulleres e homes que realizaron formación, e achegando só como nova información a proposta de protocolo de acoso.

O informe, por tanto, padece os mesmos erros (emprego deturpado dos topónimos Vivero e La Coruña, emprego do masculino nas categorías e no convenio colectivo, e neste caso non achegan tampouco unha análise cualitativa que nos permita coñecer a valoración do persoal sobre as áreas de intervención do plan) que seguimos a subliñar e a solicitar que se corrixan, e obvia, ademais, que a nova situación laboral na empresa é substancialmente diferente da existente anos antes, tendo en conta a rebaixa de salarios e os despedimentos que se levaron a cabo no xornal e na Corporación Voz dende o ano 2011.

Neste caso, é especialmente grave que o informe de diagnose recoñeza a improcedencia do despedimento do 66,66% mulleres sen especificar o motivo, a categoría, as súas circunstancias familiares, que recolla que perciben menos salario ca os homes e, o que é peor, sen establecer medidas correctoras ou destacalo como eiva.

3º. Pechada a diagnose sen que se corrixan as eivas detectadas, entrégasenos o corpo do Plan de Igualdade en outubro do ano 2012 sen que este recolla ningunha medida de acción positiva referida a eliminar a discriminación salarial, a mellorar a protección e duración dos permisos relacionados coa conciliación tanto polos homes como polas mulleres, a estabelecer as accións formativas en horas de traballo, dirixidas a garantir a promoción, como tampouco a establecer criterios obxectivos, transparentes e medíbeis para poder acceder tanto ás promocións e ascensos, como no caso dos complementos salariais ou pluses.

En definitiva, o noso Plan, no que se refire ao fomento da igualdade na empresa, non é máis que papel mollado. Un compendio de boas intencións que non mellora en ningún aspecto o recollido no convenio e na lexislación vixente.

Dende a nosa Sección Sindical temos traballado durante o proceso para que o Plan fose real, un elemento útil que servise para corrixir as eivas instaladas no sistema, en moitos casos hábitos que nin sequera se consideran erros, polo que é moi difícil loitar contra eles.

A Sección Sindical da CIG nestas circunstancias, decidimos non contribuír a esta simulación, e por tanto non participar na sinatura do Plan, pese ao cal non deixaremos de denunciar estes incumprimentos, e intentar mellorar a cobertura do mesmo perante a Comisión de Seguimento.

Agora nos queda loitar polos nosos dereitos como sempre facemos, e seguir analizando pouco a pouco o texto do Plan.

Esperamos as vosas cuestións, comentarios e suxestións sobre o tema.

Loitemos por unha empresa en igualdade



Galiza, 8 de xullo de 2014

Por que molesta tanto un cartel nunha ventá?

on 13 Febreiro 2014.

Supoñemos que non é unha cuestión de estética senón o propio contido do cartel; "Van -84".

Dixéronnos que era necesario o sacrificio de parte do equipo para salvar os demais. Se era así, os compañeiros que xa non están deberan ser recordados con profundo agradecemento e non só cun cartel nunha ventá senón mesmo nunha placa cos seus nomes gravados e colocada en lugar destacado das instalacións da empresa. Estamos porque eles xa non están. Non debemos recordalos sequera?

Nun bote cargado de náufragos á deriva no océano, con pouca auga e escasos víveres, pode acontecer que algúns decidan botarse ao mar para permitir que os demais sobrevivan. Mesmo é posible que se decida entre todos un sorteo para determinar quen ten que abandonar a embarcación.

En calquera dos dous casos cabe pensar que os superviventes sempre terán presente o sacrificio dos que pereceron e o seu recordo emocionado os acompañará o resto das súas vidas.

Pero é certo que ás veces hai tamén unha terceira posibilidade: Que os máis fortes tiren pola borda aos outros para salvarse eles. Nese caso seguramente os que cheguen a terra non quererán recordar, nin que ninguén lles recorde, a razón pola que están vivos.

Custa traballo crer que poida haber alguén que se sinta protagonista do terceiro suposto.

A voltas co contador de baixas

on 05 Febreiro 2014.

A empresa retomou estes días un enfrontamento que pola nosa parte non hai o menor interese en ter. Cando se estaba a intentar unha inaplicación do Convenio Colectivo ao abeiro da nova Reforma Laboral, o CI decidiu colocar un contador de baixas na ventá do seu local que reflectise o que estaba a pasar na empresa dende a sinatura do Convenio 2012-2014 porque queríase aparentar que non ocorría nada. Isto enmarcábase dentro das accións de oposición e mobilizacións contra a medida que pretendía a empresa. Asinado o acordo substitutivo da inaplicación (que nós non subscribimos) houbo 18 novas baixas de traballadoras e traballadores que se acolleron ao sistema de “baixas incentivadas” do devandito acordo. Consideramos que o contador mantiña o seu sentido no pasado, manteno aínda hoxe, para lembrar o sacrificio feito por todo o persoal máis aló do económico, e manterao no futuro próximo, porque recordemos que o acordo di que só garante o emprego até finais de agosto. Uns días antes da entrega dos premios Fernández Latorre, alguén retirou o contador da ventá (a empresa nega ter sido ela), e o Comité de Sabón decideu repoñelo en formato abreviado, só coa indicación das baixas totais dende a sinatura do Convenio.

O martes 4 de febreiro, convocados pola empresa un representante de cada central con representación no CI, para achegarnos un borrador para un posíbel acordo de retribución flexible, a empresa aproveitou para entregarlle ao presidente do comité un escrito no que se lle –nos– insta a retirar o contador de baixas ameazando con retiralo de facto se non o facemos no prazo de 7 días. Xunto ao escrito, achegábase un informe elaborado por un catedrático de Dereito do Traballo e Seguridade Social e máis un profesor da mesma área, no que, resumindo, dicíase que o único espazo no que os delegados de persoal podemos pór información estática son os taboleiros de anuncios dos comités.

Dende a nosa perspectiva, cremos que o departamento de RR. HH. de La Voz de Galicia debera atender outro tipo de traballos en vez de pararse no que é un recordatorio para os traballadores e a propia dirección e deixar de investir cartos, horas e rendemento neste tema.

Xa que entendemos, tal como adoita dicir o editor, que La Voz de Galicia é un medio de comunicación independente, non cremos que información interna, a fiestra non se ve fóra do recinto, supoña ningún problema, agás que alguén lle proa porque se sinta culpábel das baixas, cuestión só concebíbel se se saben inxustificadas.

Baixo as directrices do informe, que asume o departamento de RR. HH., entendemos que poderiamos adoptar a decisión que aparece na foto de embaixo, amparados polo ET e máis do noso Convenio Colectivo (art. 82) e establecer como taboleiro de anuncios a propia ventá do local do Comité, o que nos permitiría incluso ser máis explicitos e ampliar as comunicacións. Cabe a posibilidade de que a empresa procure unha posíbel xurisprudencia que indique que o taboleiro ten que ser de cortiza e enmarcado en madeira de faia, ou de pino, abeto ou calquera outra conífera. Aínda que se é cuestión de material tamén podería pórse ese outro modelo pousado na fiestra.

(Dálle un clic para agrandalas)

La Voz de Galicia volve a desprezar o traballo dos fotoxornalistas

on 04 Outubro 2013.

Os cambios producidos polas baixas e a reordenación da redacción central levan á recomposición de varias delegacións e informouse que algunhas quedarán sen fotógrafo. A empresa avisa de que esas prazas non serán repostas nun futuro e que os propios redactores terán que facer ademais de fotoxornalistas. O desprezo amosado aos redactores gráficos non ten cualificativos elegantes. A empresa dá a entender que calquera pode facer o seu labor e carga máis traballo aos compañeiros que xa de seu teñen unha xornada máis que afogada.

Todo isto ven a sumarse á reiterada negativa a recoñecer, como está no Convenio, aos fotoxornalistas como redactores gráficos, sobran os dedos dunha man para contar os que acadaron tal consideración. Non é unha coincidencia pois que, das dezaoito baixas, catro fosen de fotógrafos.

A empresa opta pola solución da gadaña, que ten todos os visos de se consolidar en máis delegacións sen ter en conta a mingua que repercutirá nas edicións. Ou vai ser que é ese precisamente o obxectivo?

Dezaoito traballadores acolléronse ao sistema de baixas proposto pola empresa ao abeiro do acordo de xullo

on 04 Outubro 2013.

O 30 de setembro rematou o período dado pola empresa no acordo de xullo para acollerse ao sistema de baixas. Dezaoito traballadores dos máis cualificados do noso país deixaron a empresa, uns porque xa non vían o seu futuro vinculado á La Voz de Galicia, outros porque simplemente temían que ían ser os seguintes nas listas de baixas forzadas que a empresa poderá facer ao remate do veran do 2014. Antes de ver mermado o seu futuro pola diminución nas cotizacións que supón os recortes pactados, e a súa correspondencia no paro e/ou xubilación, escolleron procurar un futuro mellor no que eles se poidan sentir protagonistas activos.

Esta empresa non é a mesma sen ningún dos máis dos 130 traballadores que se foron dende o 2008 baixo a desculpa da crise. Todos os departamentos e seccións deixaron no camiño compañeiras/os de probada eficacia e profisionalidade, todos hoxe están/estamos un pouco orfos. Para todos os ausentes a nosa máis sincera aperta.

Cambios na Sección Sindical e nos comités de La Voz

on 26 Setembro 2013.

Ante o recorte salarial asinado en xullo, e acolléndose ao sistema de baixas pactado no mesmo, deixan a empresa Juan O., vicepresidente do Comité Intercentros e presidente do de Sabón; Xurxo G., presidente do C.I. e vicepresidente do de Sabón e Erik D., tesoureiro do C.I. Isto lévanos a mudar a composición tanto da Sección Sindical como dos comités e a un novo reparto de responsabilidades.

Comité de Sabón

 

Ao producirse tres baixas no Comité de Sabón deberan cubrirse cos membros a seguir na lista presentada no 2012, mais dous deles renuncian a facelo, Purificación Sánchez e Andrés López, entrando Xan Agra que pechaba a lista. Deste xeito o Comité de Sabón queda constituído, segundo acordan na reunión celebrada o 24 de setembro, do seguinte modo:

Luis Garea (CIG), presidente

Xan Agra (CIG), vicepresidente

Cristina Costoya (CIG), mantén o cargo de secretaria e

Juan Torreiro (CIG), Esperanza Abuín (SXG), Jorge Casanova (SXG) e Alejandro Manteiga (CC. OO.), vogais. Quedan vacantes os outros dos postos que lle correspondían á CIG.

Comité Intercentros

Para cubrir as baixas no C.I. pasarán ao mesmo Luis Garea, Juan Torreiro e Cristina Costoya.

Como representante da CIG na Comisión Paritaria estará Dolores Vázquez.

Sección Sindical

Como Delegado da Sección Sindical quedará Xoán G.

 

Desexámoslle toda a sorte do mundo aos nosos compañeiros saíntes e que teñan a andaina persoal e profesional da que son merecentes. A formación, criterio, vontade de traballo, sacrificio e compañeirismo que demostraron, ben seguro que os acompañará e axudará.

Sorte compañeiros!

A discrepancia no AGA cérrase con acordo

on 21 Setembro 2013.

CC.OO, UXT e SXG acaban de pechar coa empresa a discrepancia que estaba pendente no AGA. Este cerre non foi subscrito pola CIG, seguindo o mesmo criterio que levou ás delegadas/os desta central a non apoiar o acordo que derivou na modificación do convenio colectivo. Dende a Sección Sindical da CIG seguimos entendendo que o acordo que se aprobou en xullo é brutalmente lesivo para os intereses e dereitos acadados ata o momento polos traballadores e non garante un futuro laboral digno para os empregados de La Voz de Galicia.

A CIG sempre defendeu que se pechase a discrepancia no AGA e asumimos que nestes momentos, cando a modificación do convenio dá como válida a interpretación que facía a empresa, o conflito xa non ten lugar. Aínda así, cuestionamos que se faga baixo a premisa dun acordo por un suposto mantemento do emprego, que consideramos insuficiente, máis aínda cando dende a entrada en vigor xa causaron baixa 11 compañeiras/os, que se suman aos 41 despedimentos previos que permitira o convenio.

Para nós non hai outro xeito de contar: 52 persoas desde a sinatura do convenio e máis de 130 desde o comezo da crise no 2008.

Valoración sobre o resultado do Referendum de Inaplicación en La Voz de Galicia

on 01 Agosto 2013.

O acordo de rebaixa salarial e de modificación do convenio colectivo sometido a referendum o dia de onte entre a plantilla de La Voz, foi aprobado cunha marxe de 7 votos sobre o total requerido para a súa validación.

A Sección Sindical da CIG considera necesario facer fincapé no feito de que un preacordo defendido de forma activa e unitaria por CCOO, UXT, SXG e a Dirección da Empresa, só obtivese un respaldo do 52,3% do persoal. En calquera caso, trátase da maioría dos traballadores de La Voz de Galicia, polo que a Sección Sindical da CIG recoñece e acata o resultado.

Nos próximos días a maioría sindical do comité que defendeu o acordo asinará o mesmo e entrarán inmediatamente en vigor tanto o recorte salarial como os novos criterios do que debe entenderse como «mantemento do emprego».

Ás delegadas e delegados da CIG gostaríanos estar errados na nosa análise do que suporá a entrada en vigor do novo marco laboral, pero ante o convencemento de que este será moi lesivo para os intereses dos traballadores que representamos, non podemos asinar un acordo que marque o inicio dunha nova etapa de sacrificios inasumibles por unha boa parte da plantilla.

Sabemos que entramos nunha época que esixirá imaxinación e decisión á hora de defender ás traballadoras e traballadores. Aí estaremos nós para facelo coa mesma dedicación que o fixemos até o momento, pero agora, ao parecer, farémolo sós.

Moitas gracias especialmente a todas as traballadoras e traballadores que vos mantivéchedes nunha posición activa, solidaria, leal, decidida e consecuente durante todo este proceso. Somos menos, pero non somos poucos. Aquí nos tendes e aquí nos teredes.

Comunicado da Sec. Sind. da CIG da Voz ante as votacións do día 31 de Xullo

on 30 Xullo 2013.

Co obxecto de que as traballadoras e traballadores de La Voz de Galicia teñan todos os elementos de xuízo á hora de analizar o preacordo asinado por 5 dos 13 membros do Comité Intercentros sobre a proposta empresarial que se someterá a votación durante este mércores día 31, a Sección Sindical da CIG considera preciso facer as seguintes aclaracións:

-A chamada «garantía de emprego incondicional» á que se refire o preacordo asinado por unha parte do comité non é nin «garantía» nin é «incondicional».

  • Non é garantía en canto se deixa aberta a porta á eliminación de plantilla en base a unha serie de criterios que non incumprirían o acordo. O feito de que non compute como destrución de emprego «calquera baixa que conte coa conformidade do traballador, con independencia da modalidade pola que se articule esta» é deixar nas mans da empresa a opción de recabar esa «conformidade», utilizando para iso todas as ferramentas que a lexislación laboral deixa a súa disposición. Estaríamos no mesmo escenario que en xaneiro do 2012, cando a empresa comezou a recabar a «conformidade» de todos os compañeiros que despediu durante ese ano. Todos, agás os casos xudicializados, foron despedidos mostrando «conformidade» ante a ameaza dunha opción peor. O mesmo que agora, pero coa diferenza que segundo o texto do preacordo non serían baixas computables a efectos de mantemento do emprego e, polo tanto, non habería límite para as baixas producidas por esta vía.
  • Non é incondicional en canto está supeditada aos resultados no primeiro semestre do 2014 dunha serie de ingresos considerados «computables». Esto contén dous efectos perversos:
  1. Os resultados do primeiro semestre son datos non pechados do exercicio económico, non auditados, e non comprobables pola representación legal dos traballadores.
  2. Dos ingresos computables exclúense, entre outros, «a enaxenación de inmobilizado». Por exemplo, a venta de locales desmesuradamente grandes que mantén a empresa e a súa repercusión na conta de resultados, non contribuiría a garantir o mantemento do emprego.

- Este acordo non se encontra dentro dos parámetros do que suporía un acordo razoábel e alternativo ao dictame dun árbitro. Cabe lembrar que a lei esixe que a medida económica debe ser "proporcional" á situación económica da empresa, e que a caída da cifra de negocio de La Voz de Galicia no ano 2012 foi do 5,6%. Un recorte salarial do 6,55% no 2013 e do 12,5% no 2014, sumado á falta de garantías reais de mantemento do emprego supón que o que se vota é a mesma proposta presentada pola empresa en febreiro deste ano, polo que non é ningún avance desde a súa postura inicial.

-Neste contexto (despedimentos que non contarán como tales e rebaixa salarial desproporcionada) a incertidume non se sitúa tanto no dictame dun árbitro experto en Dereito Laboral, como na aplicación práctica deste acordo no caso de que fose aprobado nestes termos.

Queremos facer un chamamento á participación na consulta lembrando que o voto é LIBRE, SECRETO e VOLUNTARIO, e que calquera presión nun ou noutro sentido contravén calquera principio democrático básico.

 

O Comité da Voz asina un preacordo coa empresa

on 24 Xullo 2013.

O Comité Intercentros de La Voz de Galicia asinou onte un preacordo coa representación da empresa que será levado a aprobación dos traballadores mediante votación en urna o próximo día 31 de xullo. A máis do inadecuado da data para unha consulta deste tipo, feita en pleno período vacacional, os delegados elixidos polas listas da CIG non asinaron o dito preacordo xa que os termos do mesmo non garanten o emprego de forma inequívoca, a pesar do rimbombante que poida parecer o enunciado dalgún dos seus puntos neste aspecto. Así, a pesar de anunciar unha "garantía incondicional de mantemento de emprego", o desenvolvemento do articulado do pactado indica o contrario, ofrecendo unha ampla carta de posibilidades para que a empresa poida reducir plantilla.

Os delegados da CIG consideran ademais que non se pode asinar un preacordo coa empresa que non se encontre dentro dos parámetros do que sería un acordo razoábel e proporcional coa situación real da empresa, tal e como foi aprobado nas últimas asembleas. Tanto a reducción salarial proposta (chamada no preacordo, eufemisticamente, "concepto salarial negativo") como a garantía de emprego, están lonxe do acordo tomado por unanimidade no comité de empresa do día 10 de xullo de 2013 e non recolle practicamente ningún dos criterios usados polo comité na última proposta levada ás asembleas celebradas os días 11 e 12 de xullo de 2013. Rompe, polo tanto, o último consenso acadado no seo do comité e que foi levado á plantilla despois da desconvocatoria das mobilizacións.

Os próximos días 29 e 30 de xullo celebraranse asembleas en todas as delegacións para intentar explicar ás traballadoras e traballadores presentes os cambios que houbo na postura da maioría do comité na última semana respecto á liña mantida durante todo o proceso negociador, e que levaron á dita maioría a asinar un preacordo coa empresa que xa foi remitido á CCNCC. Tamén se explicarán os motivos que levaron aos delegados da CIG a non secundar a asinatura do preacordo e as implicacións e consecuencias que a súa aprobación definitiva conleva.